Thursday 02 de May de 2024

O concello licita o saneamento do lugar de Casanande na parroquia de Olveira


O Concello de Riveira acaba de dar luz verde á licitación dunha nova obra consistente no saneamento do lugar de Casanande, na parroquia de Olveira: unha vella demanda veciñal que se vai materializar a través dun investimento de 231.319,14 euros.

O lugar de Casanande posúe un trazado irregular e unha anchura variable nos seus camiños. O núcleo está formado por vías estreitas de formigón na que a día de hoxe se observan signos de deterioro. Ademais, carece de rede de saneamento e a de pluviais está formada por cunetas e taxeas bastante deterioradas.

As obras que se pretenden realizar inclúen, para saneamentos fecais, a colocación dun colector de PVC liso de 315 milímetros de diámetro e 606 de lonxitude, que conducirá as augas fecais ata entroncar coa rede existente na estrada de Artes a Corrubedo.

Pluviais
Para pluviais disporase 370 metros de colectores de PVC corrugado de 315 milímetros e construirase arquetas sumidoiro de formigón prefabricado e pozos de rexistro.

No que respecta a pavimentos, empregarase pavimento de formigón HM-20, de 20 centímetros de espesor, intercalando pavimento formado por adoquín recto de dimensións 20x15x8 centímetros. Tamén se utilizará en certos puntos pavimento de aglomerado asfáltico en quente e delimitarase un carril de circulación dende a estrada de Artes a Corrubedo ata a entrada ao lugar.

O prazo de execución son cinco meses. Está previsto que a obra sexa adxudicada dentro de dúas semanas.